Que poden facer as cidades para loitar contra o cambio climático?

Plantación de árbores para combater as ondas de calor, pintar as casas de branco para absorber menos radiación, xestionar ben as redes de drenaxe e os ríos urbanos… As cidades poden acometer moitas accións para reducir os efectos do cambio climático. Un informe de C40 Cities Climate Leadership (unha rede de grandes cidades comprometidas co clima, entre elas varias españolas) e a asesoría  McKinsey España elaboraron un informe no que analizan algunhas prácticas para atenuar o impacto de quecemento nos núcleos urbanos.

29685a9e243876db56e9f4705f2597af10c1afb6
O cambio climático aumentará a gravidade e a frecuencia da calor extrema, as inundacións, secas e incendios forestais; os perigos específicos que se abordan no informe, xa que supoñen un risco inminente para as cidades. Máis do 90% de todas as zonas urbanas son costeiras polo que para o 2050, máis de 800 millóns de residentes urbanos poderían verse afectados pola subida do nivel do mar e as inundacións costeiras. Ademais, 1.600 millóns de persoas poderían ser vulnerables á calor extrema crónica (fronte aos 200 millóns actuais), e 650 millóns poderían sufrir escaseza de auga.

“Dadas as actuais emisións de gases de efecto invernadoiro, unha parte do cambio climático xa está fixada, o que fai que estes riscos sexan inevitables. Para protexer as vidas e os medios de subsistencia dos residentes urbanos, é imperativo adaptarse, e comezar agora”, sinala Joseba Eceiza, socio de  McKinsey en España que lidera a práctica da sustentabilidade no noso país.

As cidades atópanse en primeira liña dos crecentes riscos físicos asociados ao cambio climático xa que albergan a máis da metade dos habitantes do mundo, e prevese que en 2050 esa cifra aumente ata o 68%. Así mesmo, as zonas urbanas adoitan estar situadas en lugares de especial risco climático, como son as costas, as chairas de inundación e as illas. Ademais, as infraestruturas urbanas modernas e os seus sistemas de funcionamento están estreitamente conectados.

“Un fallo nunha parte da rede pode afectar a outra, multiplicando os danos. As estradas asolagadas, por exemplo, poden danar as ligazóns co transporte público. As tormentas e a calor extrema poden provocar cortes de enerxía que deixen fose de xogo aos sistemas tecnolóxicos fundamentais para os fogares, os hospitais e as industrias”,  engade Eceiza.

Das 15 accións expostas polo informe, catro fomentan a  resiliencia  sistémica, o que significa que fortalecen cidades de todos os perfís; e as outras 11 son específicas, é dicir, diríxense a riscos climáticos físicos concretos.

Algunhas das accións, como a construción de barreiras para protexer as zonas costeiras e a adaptación das infraestruturas, son complexas e custosas, pero outras, como a plantación de árbores xunto ás rúas e a posta en marcha de programas de cambio de comportamento para conservar a auga, non o son. Exemplos de todo o mundo, tanto en economías avanzadas como en desenvolvemento, demostran o que é posible”, indica Eceiza.

Pintar os edificios de branco para evitar as ‘illas de calor’

Un exemplo pouco custoso para combater a calor é o tratamento de superficies frías, como a aplicación de pintura branca en tellados, paredes e pavimentos, para axudar a reducir as illas de calor urbanas, ao adaptar as superficies para que reflictan a luz solar e absorban menos calor.

Estes tratamentos non teñen os mesmos efectos en todas partes, e os responsables deben ter en conta a forma e a estrutura dos teitos e pavimentos das súas cidades para avaliar a súa viabilidade. Pero, cando a peixaría de Mercamadrid instalou un teito impermeable e reflector cunha capa de pintura branca, a temperatura no interior do edificio baixou 7 graos Celsius.

O informe describe, a grandes liñas, como as cidades poden poñer en práctica as accións de adaptación e, para iso, suxire empezar por definir os perigos máis relevantes e por entender os riscos que eses perigos supoñen para as súas comunidades. A partir de aí, as cidades poden levar a cabo unha análise detallada do impacto da redución do risco, os custos e a viabilidade das diferentes accións.

Dado que as distintas cidades enfróntanse a diferentes riscos climáticos e teñen distintos niveis de vulnerabilidade, as urbes poden concentrarse en accións que aproveiten os seus puntos fortes (en recursos, características físicas e activos, e control xurisdicional) e ofrezan un alto rendemento na redución de riscos. Con todo, identificar esas adaptacións de alto impacto pode ser unha tarefa abafadora, dada a natureza en constante evolución da ameaza climática e a vertixinosa gama de opcións de adaptación dispoñibles.

Así mesmo, o informe suxire que as cidades terán que ser innovadoras á hora de aproveitar os seus propios recursos e experiencias, por exemplo, mediante asociacións público-privadas, bonos verdes, seguros e outras estratexias. Vale a pena destacar o caso do distrito de  Zorrotzaurre en Bilbao, onde se estableceu unha asociación público-privada, baseada na participación na propiedade do chan, para financiar medidas de  resiliencia na zona. As melloras incluíron a ampliación da canle, a elevación do terreo e a construción de espazos verdes abertos.

A investigación tamén revela que as solucións baseadas na natureza, como a plantación de árbores, a xestión das concas fluviais, e as solucións de drenaxe urbana sostibles, atópanse entre as accións máis atractivas polo seu impacto na redución de riscos e a súa viabilidade.

Estas solucións adoitan achegar beneficios máis aló da adaptación en ámbitos como a  descarbonización, o crecemento económico e a saúde. Por exemplo, en España, o Concello de Barcelona puxo en marcha o Plan Director de Árbores desde o 2017 para minimizar o efecto da illa de calor urbana mediante o aumento de cobertura de árbores do 5% ao 30% para 2037.

Doutra banda, destácase a importancia de que as cidades poden investir en accións que aumenten a resiliencia de forma sistémica, ademais de adaptarse a perigos específicos e inmediatos. A resiliencia sistémica inclúe o aumento da concienciación sobre os riscos climáticos físicos, a incorporación da concienciación sobre os riscos e a preparación nos procesos da cidade, a optimización das respostas de emerxencia e a mellora dos programas financeiros e de seguros.

O impacto do risco climático sobre a saúde

Finalmente, o estudo sobre cidades e cambio climático conclúe que a adaptación ao risco climático ten un importante elemento de equidade. As poboacións vulnerables, como os nenos, os anciáns, as comunidades de baixos ingresos, algúns grupos minoritarios, as persoas con discapacidades e as mulleres, poden correr un maior risco de sufrir danos relacionados co clima.

Por exemplo, a rápida e continua urbanización está a provocar un aumento da poboación en asentamentos informais, que a miúdo carecen dos recursos e da capacidade de adaptación para resistir eventos climáticos importantes, como as inundacións e a calor extrema.

O risco climático afecta directamente á saúde, habitabilidade e capacidade de traballo das persoas; aos bens, como as empresas, vivendas e hospitais; e aos servizos, como a subministración de enerxía e alimentos. A rede C40 e McKinsey pretenden, mediante este informe, establecer un punto de partida para axudar ás cidades para desenvolver os seus programas de adaptación. Os dirixentes terán que profundar na elaboración das súas estratexias, xa que o coñecemento e experiencia local resulta esencial.

Ao mesmo tempo, a adaptación das cidades ao cambio climático é unha das moitas prioridades que compiten entre si nas urbes, e os recursos son limitados. Ao identificar as accións máis efectivas e factibles, as cidades poden centrarse en executalas ben e tomar impulso para facer máis; este informe é unha chamada á acción focalizada.


Este artigo for traducido ao galego dende VerdeyAzul. Consulta aquí o orixinal.

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando