Próximos pasos na loita contra o plástico

Hai un ano publicabamos unha reportaxe sobre o adeus da bolsas de plástico dun só uso. Naquela ocasión faciámonos eco da entrada en vigor do Real Decreto que prohibía a comercialización de bolsas de plástico lixeiras e moi lixeiras, e contabamos como as cadeas de supermercados e as grandes superficies foran substituíndo de maneira paulatina as bolsas de plástico por outras reutilizables, de papel ou biodegradables nos principais puntos de venda de todo o país, conscientes de que as bolsas de plástico, tal e como as coñeciamos ata entón, tiñan os seus días contados.

9971df9ce9ffcb758fdb0012dcd08fb21696be81

Veto ás palliñas, os vasos e os cubertos de plástico

Un ano despois da retirada das bolsas lixeiras (cun espesor de menos de 50 micras) e moi lixeiras (menos de 15 micras) do mercado, a nova lei de residuos vén dar unha volta de torca máis na loita contra a contaminación de plásticos, promovendo o veto á comercialización dunha serie de produtos dun só uso para os que xa existen alternativas: vasos de plástico, cubertos, pratos, palliñas, axitadores de bebidas,  pauciños de globos de plástico, recipientes para alimentos de poliestireno expandido e  bastonciños de algodón (excepto aqueles que entran no ámbito dos produtos sanitarios).

O obxectivo é reducir a xeración de plásticos dun só uso na medida do posible. En especial de todos aqueles que contaminan os nosos océanos e dificultan aínda máis a supervivencia de decenas de miles de animais mariños cada ano (moitos inxeren este material ao que confunden cunha medusa ou unha lura ou se enredan nel e morren). Segundo un estudo avalado pola Comisión Europea, máis do 80 % do lixo achado no mar é plástico. Deles, un 70 % están contemplados dunha ou outra forma nesta normativa.


A nova lei, aprobada no Congreso dos Deputados na sesión previa ao Nadal, tamén contempla outras medidas para reducir a xeración de plásticos en orixe, tales como a obrigación de que os bares ofrezan auga non embotellada gratis á súa clientela, o impulso da venda a granel nas grandes superficies comerciais ou a eliminación de  microplásticos en cosméticos e produtos de limpeza.

Fomentar a reciclaxe

Ademais, a norma inclúe dous novos impostos: un para reducir os envases de plástico dun só uso e outro para gravar o envío a entulleira de refugallos de plástico. “A taxa á vertedura de residuos resultou moi eficaz en todos os países de Europa onde se implantou. Desde o momento que entra en vigor prodúcese un descenso inmediato dos residuos que van a entulleira e a incineración”, afirma Vicente Galván, colaborador da Fundación Conama, que acaba de presentar un informe sobre a xestión dos residuos municipais en España onde se recolle a opinión dos técnicos municipais de 220 concellos sobre a recentemente aprobada Lei de Residuos e Chans Contaminados.


“Os técnicos municipais serían permeables á posta en marcha dunha nova taxa que poida contribuír a reducir a xeración de residuos, a condición de que sexa xusta e premie a quen faga as cousas ben e castigue a quen o faga mal”, asegura Vicente Galván que desenvolveu toda a súa carreira profesional no sector dos residuos, sendo os seus últimos cargos director do Centro de Competencia no medio Ambiente de Ferrovial Servizos e director Xeral de Economía Circular na Consellería de Medio Ambiente da Comunidad de Madrid. “Outra cousa distinta son os políticos que, polo xeral, son máis remisos a implementar novas taxas municipais debido ao custo que poidan ter para os cidadáns e para as arcas municipais”.

Un longo camiño por percorrer

Sen dúbida, todas as medidas contempladas nesta ambiciosa normativa terán un efecto positivo na guerra aberta contra o plástico, aínda que, tal e como recoñece Vicente  Galván, aínda queda un longo camiño por percorrer. “Modificar os costumes das persoas leva tempo, pero está a producirse un cambio de hábitos que podemos observar día a día na cola do supermercado. Non hai que desencoraxarse”.

O problema, como comenta Galván, é que a lexislación europea vai moi por diante á do resto do mundo, con grandes diferenzas mesmo entre os distintos Estados membros da UE. “Houbo unha sobrecarga de directivas durante o período 2015-2018 e a pandemia conlevou atrasos importantes na transposición de moitas normativas europeas ao ordenamento xurídico nacional de cada un dos países”.

No caso de España, a Directiva Europea para loitar contra a contaminación por plásticos chega case con seis meses de atraso sobre o límite establecido, pero o máis preocupante son os obxectivos de reciclaxe da UE para 2030, ao mesmo tempo que incrementar a Responsabilidade Ampliada do Produtor. Os Estados membros terán que recuperar o 70 % das botellas de plástico en 2023 e a meta será do 90 % para 2029. En canto á porcentaxe de plástico reciclado en cada botella deberá alcanzar o 25% en 2025 e o 30% en 2030.

Acordo Global

A nivel internacional, as miradas céntranse nun Acordo Global legalmente vinculante para abordar a crise dos plásticos, que podería aprobarse na próxima Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente actualmente programada para febreiro de 2022 en Nairobi, Quenia. Alí os Estados membros decidirán se é necesario negociar un tratado sobre plásticos. Este tratado deberá abordar de forma efectiva a ameaza dos plásticos para a biodiversidade, o clima e a saúde humana. O compromiso de Estados Unidos de apoiar un acordo global para combater a contaminación oceánica por plásticos é un precedente esperanzador.

Artigo traducido ao galego dende SIGNUS. Consulta aquí o orixinal.
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando