Por que agora hai máis incendios e son máis perigosos?

Os incendios precisan osíxeno, combustible e unha fonte de ignición. Son procesos naturais, que estiveron sempre aí, orixinados por un raio ou polas propias actividades humanas. Aínda que sempre convivimos con eles, hoxe en día os incendios son máis grandes, máis impredicibles e destrutivos que fai tan só unhas décadas.

Ba80c22c9d3066fbba12e6a903c8345fd41ca366
O seu comportamento  errático e a súa severidade desconcerta aos servizos de emerxencia de todo o planeta, a pesar do seu alto nivel de preparación. Deixan tras de si miles e miles de hectáreas queimadas e, en moitos casos, tamén vidas.

Por que cambiaron os incendios?

Nos anos 60, tiñamos incendios de categoría 1 e 2, pero co paso do tempo, estes incendios foron incrementando en categoría e xa, nas últimas décadas, sufrimos incendios moi severos de quinta e sexta xeración.

Os de quinta xeración poden provocar diferentes focos simultáneos, como ocorreu en Grecia no 2007. Os de sexta xeración liberan tal cantidade de enerxía que son capaces de desenvolver un comportamento propio e, mesmo, xerar ventos erráticos que lles posibilite propagarse en direccións, velocidades e sentidos imprevisibles.

Foi o que sucedeu no incendio de Portugal en 2017 ou no de Chile, tamén o mesmo ano, no que, en apenas unha noite, o lume arrasou máis de 100.000 hectáreas.

Podemos combater incendios desta magnitude?

Na extinción destes grandes incendios depéndese totalmente dos factores meteorolóxicos, de que cambie a dirección e a intensidade do vento, de que empece a chover… É o único que pode frealos. Ademais, estes megaincendios convértense en fenómenos globais, cuxo impacto pode producirse tamén a miles de quilómetros de distancia.

Por exemplo, o fume dos incendios de California e Oregón do pasado verán chegou ata Europa. E os incendios dos chans de turba de Indonesia ou de Siberia están a acabar cun dos principais sumidoiros de carbono do planeta.

Por que hai máis incendios e son máis perigosos?

Agora hai máis incendios debido ao cambio global que inclúe factores tan determinantes como o cambio climático e o cambio na xestión do chan. Por unha banda, vivimos ondas de calor máis intensas no verán e períodos de seca máis prolongados, que fan que a vexetación estea máis seca.

Por outro, cada vez viven menos persoas na contorna rural, utilízanse menos os recursos naturais e decae o pastoreo e os herbívoros, que son quen desde sempre nos axudaron a consumir e controlar a vexetación, é dicir, o combustible.

Ademais, a agricultura diminuíu tamén, provocando unha variación nas nosas paisaxes que deixaron de ser un mosaico de  teselas a ser máis homoxéneos. As masas forestais arborizadas, os bosques, están a recuperarse rapidamente, desaparecen os espazos abertos, diminúe a  transitabilidade, pérdese biodiversidade a nivel de paisaxe e acumúlase moita máis biomasa combustible.

E a todo iso, sumámoslle a paixón do ser humano por vivir rodeado de natureza, sen pensar en que un incendio pódese levar por diante todo…


Podémonos permitir esta situación?

Dificilmente. Os incendios actuais superan moitas veces a nosa capacidade de extinción, pero tamén a nosa capacidade de predición: non é posible predicir cara a onde van ir, ou cantos focos van producir, o que dificulta planificar unha evacuación. Ademais, en lugares pouco poboados, podemos organizar evacuacións en prazos de tempo moi curtos, como ocorreu no norte de Canadá ou en Oregón, pero un  megaincendio en zonas con maior densidade poboacional é complexísimo.

Ou se traballa en protección civil, ou se traballa en extinción e control do incendio. Non se chega a todo. Europa está moi poboada e os riscos asociados a un incendio destas características multiplícanse. A xente está afeita sentirse protexida e non se dá conta de que as cousas, quizá, non sempre van ser así.

Como combater este fenómeno?

Temos que previr xestionando a paisaxe máis humanizada. O risco para nós mesmos, a especie humana, é moi alto se se abandona a nosa contorna rural e natural. É vital manter paisaxes en mosaico, aproveitar  sostiblemente os recursos forestais, pastizais, etc. En definitiva, crear paisaxes resilientes aos megaincendios e ao cambio climático, dúas grandes ameazas interconectadas.

Xestión implica humanos (gardiáns) vivindo nunha contorna rural e aproveitando e xestionando sostiblemente os recursos que esa contorna lles ofrece. A solución pasa por recuperar o medio rural, o aproveitamento forestal, a agricultura, a gandería e, na contorna das áreas urbanas, crear cintos verdes de moi baixa carga combustible.

Existe conciencia na sociedade deste perigo?

Falta moito camiño por percorrer porque somos unha sociedade eminentemente urbana e moi descoñecedora da nosa contorna natural. Aínda que nos gusta, non entendemos o seu funcionamento, a súa dinámica, a súa ecoloxía… A Unión Europea coñece o grave risco dos megaincendios favorecidos polo cambio climático e polo cambio de usos do chan e está a apostar cada vez máis pola investigación aplicada e a tecnoloxía destinada a enfrontarnos a este risco.

Artigo traducido ao galego dende The Conversation. Consulta aquí o orixinal.
Fotografía de Ylvers 
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando