O 30% das especies de árbores do mundo están en perigo de extinción

Máis de 140 especies coñecidas considéranse extintas na natureza, segundo destaca o informe Estado das Árbores do Mundo 2021

Aa616953e8d7195c37857a04d2543f92a4a2f3e6
O 30% das especies de árbores coñecidas no mundo están actualmente en perigo de extinción, e polo menos 142 especies descritas considéranse oficialmente como extintas no medio natural. 

Estas son dúas das principais conclusións da nova edición, presentada o 1 de setembro de 2021, do informe Estado das Árbores do Mundo (State  of  the World's  Tree), elaborado polo proxecto científico internacional Avaliación Global de Árbores (Global  Tree  Assessment,  GTA) e a organización  Botanic  Gardens  Conservation  International (BGCI), na que se integran medio milleiro de xardíns botánicos e centros de investigación botánica de todo o mundo.

As principais ameazas para as especies de árbores son a talla de bosques e outras formas de perda de hábitat, a explotación directa de madeira e outros produtos e a propagación de pragas e enfermidades invasoras. O cambio climático tamén está a ter un claro impacto negativo na conservación de miles de especies de árbores en todo o mundo.

O proxecto Avaliación Global de Árbores levou a cabo durante o últimos cinco anos investigacións intensivas para recompilar información sobre o risco de extinción de 58.497 especies de árbores en todo o mundo. Deste total analizado, o informe indica que 17.510 especies están en perigo.

O número de especies de árbores existentes na actualidade no noso planeta difire lixeiramente en diversos estudos e avaliacións. A base de datos Global Tree Search, por exemplo, tamén coordinada polo  BGCI, estableceu en 2017 unha lista de 60.065 especies de árbores. 

O maior número de especies de árbores atópase en América Central e do Sur, seguido das outras rexións tropicais do sueste asiático e África, lembra o novo informe.

A maior proporción de especies ameazadas atópase en África tropical, que inclúe Madagascar, que é un dos países co nivel máis alto de árbores ameazadas. As zonas tépedas de Europa, Asia e América do Norte que teñen unha diversidade de árbores relativamente baixa tamén teñen a proporción máis baixa de especies de árbores en perigo de extinción.

O país no que existen máis especies diferentes de árbores é Brasil (8.847), seguido de Colombia (5.868), Indonesia (5.716) e Malasia (5.422).

O país no que existen máis árbores endémicas (especies que só existen nun país) tamén é Brasil (4.333), seguido neste caso de Madagascar (2.991), Australia (2.584) e China (2.149).

Parta ter unha idea comparativa, na península Ibérica habitan no medio natural 180 especies de árbores, 109 das cales están consideradas como autóctonas.

Principais ameazas

As tres principais ameazas que enfrontan as especies de árbores son a produción de cultivos, a talla de madeira e a gandería, segundo o informe, mentres que o cambio climático e o clima extremo son ameazas emerxentes.

Polo que respecta a ameazas, o maior número individual atópase en Brasil, onde 1.788 especies están en risco. Os outros cinco países que encabezan esta lista son Indonesia (1.306 especies en perigo), Malasia (1.295), China (890) e Venezuela (614).

Por causas, o informe destaca que polo menos 180 especies de árbores están directamente ameazadas pola subida do nivel do mar e o clima severo, especialmente especies de illas, como as magnolias no Caribe.

Un grupo moi ameazado

O número de especies arbóreas ameazadas é o dobre do número de mamíferos, aves, anfibios e réptiles ameazados combinados, segundo o informe.

"Este informe é unha chamada de atención para todos en todo o mundo de que as árbores necesitan axuda", dixo o secretario xeral de  BGCI,  Paul Smith, nun comunicado.

Entre as árbores con maior risco atópanse especies que inclúen os xéneros das magnolias e os dipterocarpus, que se atopan comunmente nas selvas tropicais do sueste asiático. Os carballos, arces e ébano tamén enfrontan ameazas, segundo o informe.

De forma xenérica, a nova avaliación lembra que as árbores axudan a manter o ecosistema natural e considéranse vitais para combater o cambio climático. "A extinción dunha soa especie de árbore podería provocar a perda de moitas outras", advirte o informe.

"Todas as especies de árbores son importantes, para os millóns doutras especies que dependen das árbores e para as persoas de todo o mundo", engade  Paul Smith.


Artigo traducido ao galego dende La Vanguardia. Consulta o orixinal aquí.
Fotografía de Liggraphy.
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando