A UE quere prohibir importar mercadorías de zonas deforestadas

A Comisión Europea propuxo prohibir as importacións de madeira, café, carne de vacún, soia, cacao e aceite de palma, así como de mercadorías e produtos derivados destas materias primas, se proceden de zonas deforestadas ou degradadas a partir de xaneiro deste ano ou foron obtidos incumprindo as leis do país de orixe.

C59a0a30bf510ccfa8f1d3c5a4033a42717b4404
É a medida estrela da normativa exposta polo Executivo comunitario -aínda pendente de negociación e aprobación entre o Parlamento Europeo e os Estados membros- para atallar a deforestación e degradación da terra, dous dos principais factores do cambio climático e a perda de biodiversidade.

En particular, o proxecto de regulamento impón ás empresas a obrigación de demostrar que os produtos dunha serie de materias primas que importan por primeira vez ao mercado único non proceden de zonas deforestadas despois do 31 de decembro de 2020.

Tampouco poderán entrar no bloque os produtos que se obtiveron de maneira ilegal, violando as normas establecidas no país de orixe. O incumprimento dun destes dous requisitos «resultará na prohibición de colocar estes produtos no mercado da UE», informa Europa Press.

Por agora, a proposta de Bruxelas identifica seis materias primas «específicas» que estarán suxeitas a estas normas (madeira, café, soia, carne, aceite de palma, cacao), pero tamén están incluídos na aplicación produtos derivados como coiro, chocolate ou mobles.

Así, as empresas europeas ou estranxeiras que queiran importar estes produtos á UE terán que establecer «sistemas de dilixencia debida» que demostren a súa procedencia. Para iso, terán que dar acceso a información como a cantidade de produto que queren importar, o provedor e o país de produción.

Da mesma forma, un paso «crave» será informar das coordenadas xeográficas da área de terra na que se obtivo a materia prima do produto, combinando sistemas de xeolocalización e imaxes por satélite, para que despois as autoridades poidan comprobar que proveñen de zonas «libres de deforestación».

Ademais, o Executivo comunitario propuxo aos eurodeputados e aos gobernos outra normativa sobre o transporte de residuos. En concreto, avoga por restrinxir as exportacións de residuos a países non pertencentes á OCDE, de forma que só serán autorizadas se o país receptor está disposto a recibilos e é capaz de xestionalos de forma sostible.

Os Estados membros da UE poderán seguir exportando os seus residuos aos países que si forman parte da OCDE, aínda que estas operacións estarán sometidas a vixilancia e «poderán suspenderse se xeran grandes problemas ambientais no país de destino».

Así mesmo, todas as empresas europeas que exporten residuos fora do bloque terán que garantir que as instalacións que os reciban estean suxeitas a unha auditoría independente que demostre que a xestión dos mesmos é «respectuosa co medio ambiente».

Outra das características desta proposta é que aumenta as competencias da UE na loita contra o tráfico de residuos, que representa ata o 30% das operacións de transporte e o seu valor supera os 9.500 millóns. Así, suxire a creación dun Grupo de Control e outorga á Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) o poder para apoiar operacións transnacionais na UE.

Por último, a Comisión Europea presentou unha nova estratexia para a protección dos chans con medidas encamiñadas á rehabilitación e o uso sostible dos mesmos. O 70% dos chans da UE non se atopa en boas condicións, segundo datos das autoridades comunitarias.

A estratexia recolle unha mestura de medidas voluntarias e obrigatorias e ten o obxectivo de aumentar o carbono do chan de terras agrícolas, loitar contra a  desertificación, rehabilitar terras e chans degradados e conseguir que todos os ecosistemas do chan se atopen en bo estado en 2050.

Esta folla de ruta pretende que os chans do bloque teñan o mesmo nivel de protección que a auga e o aire e, para iso, Bruxelas presentará en 2023 unha proposta lexislativa. Antes realizará unha avaliación de impacto e lanzará unha consulta na que poderán intervir todas as partes interesadas.

Artigo traducido ao galego dende Verdeyazul. Consulta aquí o orixinal.
Imaxe por Justus Menke 
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando